Unha das iniciativas máis efectivas para facer fronte ao abandono é a adopción. Trátase tomar a responsabilidade dos animais cuxos donos abandonaron ou deixaron nun refuxio previamente. En 2020, arredor de 280.000 cans e gatos foron abandoados ou perdéronse en España. Estes escandalosos datos revelan a importancia das adopcións e de darlles segundas oportunidades a todos aqueles animais que non recibiron o trato que se merecían.
Como se leva a cabo unha adopción?
O proceso de adopción consta de varios pasos que se deben seguir correctamente para mantenerse dentro do marco legal e polo ben do propio animal. Tras avaliar a responsabilidade do posible adoptante, compróbase que todas as persoas que serán moi próximas ao animal estean de acordo coa decisión para evitar problemas futuros. Nesta parte entra en xogo a estimación dos anos de vida que quedan para o animal e o adoptante co fin de evitar tamén complicacións. O obxectivo é que encaixen á perfección para que ningún sufra.
Máis alá de cuestións afectivas, é imprescindible tamén que os novos donos teñan a capacidade económica necesaria para propiciar á mascota os coidados que precise e, en caso de que a convivencia sexa nun piso, que a comunidade permita animais dentro deste. Unha vez considerados todos estes aspectos de forma meticulosa, o novo adoptante deberá asinar un contrato que propicie o Refuxio e abonar o diñeiro necesario.

Antía e David co seu gato Reichi no piso de Santiago de Compostela
Antía e David, ambos estudantes en Santiago de Compostela, decidiron apadriñar un gato para o seu piso, así que contactaron co Refuxio de Bando. "O trato foi moi bo, ademais a protectora proporcionounos todo o necesario: o transportín, a area e sobre todo o penso, xa que o gato toma un penso hipoalerxénico", así contaba a súa experiencia Antía.
O único inconveniente que ambos destacaron era a localización da protectora, xa que se sitúa bastante lonxe do centro de Santiago e se non se dispón de transporte privado é moi complicado acceder.
Teñen clara a súa opinión sobre a nova lei de Protección Animal. "Eu creo que é unha boa medida para descartar á xente irresponsable que non podería ocuparse dun animal, que ao fin e ao cabo é un ser vivo que necesita coidados e un membro máis da familia", declaraba David.
Cambios coa nova Lei
Un dos grandes cambios reside na consideración dos animais como seres dotados de sensibilidade. Grazas a isto, convértese en obrigatorio o socorro aos animais, tense en conta o maltrato animal como agravante na violencia de xénero, e haberá custodias en caso de divorcio. Inclúese tamén a prohibición de mutilar, pelexas ou adestrar con calquera obxecto que cause dano ao animal, aínda que haberá excepcións pola presión do lobby da caza.
Neste senso, en España está previsto que entre en vigor a finais de ano a nova lei de Benestar Animal. Segundo Irene Torres, avogada experta neste ámbito, esta prohibirá ao 100% a venda de animais en tendas e tratará de forma máis específica as obrigacións dos propietarios e refuxios.
Busca unha maior responsabilidade e compromiso dos donos, a través da obrigatoriedade dun Seguro de Responsabilidade Civil e un curso formativo para os futuros propietarios de cans. A formación é de carácter gratuito, breve, sinxela e con opción dixital, como defende o texto.

En definitiva, a lei de Benestar Animal, segundo o Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030, persegue tres obxectivos principais: fomentar a adopción, regular a compra e reducir o maltrato.